O próximo sábado 24 de xullo de 2010 as 18,00 horas na rampla da praia do Adro a Asociación de Mariñeiros de Bouzas procederá a botadura da última embarcación tradicional que deu construído. Estades todos invitados a participar deste acto.
A botadura dun barco e sempre un acto entrañable mais, cando se trata dunha embarcación tradicional e aínda un pouco máis especial. Nesta ocasión trátase dunha Dorna Xeiteira de 7,49 metros de eslora feita polo mestre carpinteiro Domingo Ayaso seguindo técnicas de construción tradicional. Esta dorna a que chamaremos “A Falucheira” foi construída empregando madeiras autóctonas dos nosos montes, carballo e piñeiro do país.
Vai aparellada cunha vela de relinga, un tipo de aparello deseñado sen ningunha das tecnoloxías actuais pero que é capaz de competir na arte da navegación cos barcos de deseño máis moderno.
Dornas coma esta empregábanse fundamentalmente para a pesca da sardiña. Grazas a estas embarcacións e a calidade das nosas augas os mariñeiros de Galicia fixeron tan famosas as sardiñas galegas que no século XIX unha expedición científica da Bretaña Francesa, encabezada polo Príncipe Alberto I de Mónaco, desprazouse a Galicia para estudar as pesqueirías da sardiña.
Con esta dorna recuperamos unha desas embarcacións das que noutros tempos tantos e tantos galegos gañaron o seu sustento. Das que tantas alegrías deu a infinidade de familias inda que tamén máis desgustos dos que serían desexables. Énchenos de orgullo poder ser partícipes de que estes barcos non queden soamente na memoria dos nosos ancestros senon que gracias as asociacións que gustamos destas xoias, hoxe en día poidamos non só contemplalas se no que tamen podamos navegar nelas.
Esta botadura é por tanto para nos un acto de orgullo e reivindicación, a pesar das poucas axudas que conceden as Administracións, e as dificultades que se atopan nesta travesía de recuperar as nosas embarcación seguimos navegando coa proa enfilada a conservación do noso Patrimonio Marítimo, por que cada embarcación que recuperamos é un acto que nos chea de ledicia e satisfacción.
Podedes ver imaxes do proceso de construción no noso album.