Navegar en mercores, a iniciativa mellor valorada

A invitación aberta a navegar en barcos tradicionais, lanzada dende a Asociación de Mariñeiros de Bouzas, consolidouse este ano como o programa público mellor valorado de iniciación á cultura do mar.

Trátase dunha iniciativa aberta que invita a coñecer e experimentar o tesouro vivo dos barcos de traballo dos galegos. A tripulación é admitida sen outra esixencia ou condición que o seu propio interese pola cultura tradicional do mar. Cativo requisito para acceder ao mundo das dornas e aprender o comportamento único dos barcos banceados á escarva, e a boga con remo cruzado.

O experimentar, navegar coa vela ao terzo para arrimarse ao fil do vento tanto ou máis ca cos aparellos modernos; ou para apreciar a complexidade de panos entenados, ou de velas de cangrexa; para sentir a xenial adaptación do aparello de gran penol da Buceta, con martelo aferrado no puño de amura, ou certificar a arte da Gamela para a boga e vela, co seu medieval fondo plano. As opcións extendéronse de a pouco para a veloz Traiñeira de velas encascadas ou o bote de Ribadeo que lle planta desafío á vela latino-galega da Portela.

Dependendo da dispoñibilidade dos patróns e da afluencia de dotación, fixa ou eventual, saíron semanalmente dende un mínimo de tres embarcacións até oito no mesmo día.
Dúas medidas certifican a estas alturas o grande éxito da iniciación ao mar promovida dende os Mariñeiros de Bouzas: a afluencia crecente do voluntariado e a ampla atención que os medios de comunicación prestaron ás saídas semanais.
As persoas reunidas nos mércores ás 5 da tarde á porta da Asociación de Mariñeiros, dobraron en número cada ano e son de procedencia a cada cal máis variada: Barcelona, Madrid, Málaga, Granada, Irlanda, Estonia e Letonia, Inglaterra (entre eles, un navegante profesor de Filosofía da Universidade de Essex), Bretóns interesados polo tesouro dos barcos galegos, despois de sucesivos desembarcos nosos en Brest; outros viron de Italia, Arxentina, Perú, Colombia, e naturalmente moitisimos Galegos.

Os medios de comunicación resaltaron a excelente resposta popular á convocatoria e gabaron a aparente facilidade coa que persoas de diferente idade e procedencia estreábanse na navegación a vela. Tamén repararon no feito de ser unha iniciativa verdadeiramente aberta, sen contrapartida económica (tanto dos usuarios como das Administración que nada achegan a esta empresa de interese público) así como a disposición da Asociación de Mariñeiros por iniciar na navegación tradicional ao alumnado de institucións de axuda como Alborada e Arela. As saídas dos mércores foron noticia en medios impresos, Radio e TV.

7 pensamientos en “Navegar en mercores, a iniciativa mellor valorada

  1. Unha iniciativa moi meritoria, merece máis difusión, para que desapareza esa imaxe dos vigueses de costas ao mar.

  2. ¡Enhorabuena!Desde que os conozco,sigo con interes vuestras actividades.Solo hecho de menos no estar mas cerca(estoy en Malaga)y poder participar con vuestros barcos de la hospitalidad de la asociacion

  3. Agora sería bo que durante o inverno, os mércores seguira a actividade en terra: Proxeccións, mantemento de barcos, tomar unha caña de cerveza, etc. co obxecto de que as boas relacións que se estableceron entre moitos dos participantes non se enfrien ata a primaveira.
    Saúdos

  4. Bos informo que incluido os mércores se leva a cabo unha actividad silenciosa e con continuidad de revisión e achique dos barcos.
    Sáudos de mariñeiro en terra

  5. Abofé que é a mellor iniciativa para a difusión do patrimonio dunha forma totalmente novidosa!
    O mellor é o compromiso e adicación dos integrantes da Asociación coa xente, que acaba sentíndose como nunha xuntanza de amigos, respetando e admirando a todos estes patróns que tanto se esforzan por compartir ese auténtico museo flotante que é o pantalán de Bouzas.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *