A visita do Colexio Randufe de Tui, inagura a tempada no pantalán dos barcos Tradicionais

O primeiro pantalán da península Ibérica dedicado exclusivamente os barcos tradicionais, o peirao que a Asociación de Mariñeiros mantén a diario en situación de revista na dársena de Bouzas, abriu a tempada de visitas coa chegada do colexio Randufe de Tui.

A dirección do Colexio Randufe quería dar aos seus alumnos a oportunidade de apreciaren o museo real da diversa e imaxinativa cultura mariñeira de Galicia.  Asociados e directivos deron explicacións aos rapaces interesados nos saberes do mar, o alumnado aprendeu que os barcos tradicionais encerran na súa fasquia, a historia viva da intensa relación dos galegos co mar.

 

As explicacións sobre o pantalán, completáronse cunha práctica de cabulleria e da arte dos nós.

Durante o ano 2011, nos meses de verán e nun horario de 16,30 a 20,30, este pantalán foi atendido para servizo publico e contabilizou moitas e moi variadas visitas. Dependendo do tempo, houbera días entre semanas con 40 visitas e nalgún caso ata 50 persoas. Nos fins de semana, e especialmente os domingos, as visitas superaron as 100 persoas. Domingo 17 de xullo, o pantalán deu para un aforo excepcional de 126 persoas.

Guerra contra a contaminación no areal do Adro

Para unha beiramar coma a do Adro que está afeita a ver todo o ano a manobra do Racú, o izado do penol da Dorna, a voga sen estela da gamela ou o lecer dos banistas, é un cambio de paisaxe observar como saen do mar ferros vellos, bidóns de vinilo, botellas e botellóns, plásticos enlamados, rodas, nasas perdidas, cabos de propileno, aparello eléctrico e todo canto vai da terra para o mar.

 

 

 

 

Sábado, o voluntariado da Asociación de mariñeiros ergueu do areal e do fondo case dúas toneladas de material alleo ao mar para o seu ciclo natural. Neste labor contamos coa axuda inestimábel do grupo sub-acuatico dos Bombeiros de Vigo, dos mergulladores da Policía Nacional, mergulladores de Montañeiros Celtas e de homes e mulleres amigos do mar como Santiago, Sergio e Ricardo.

 

 

 

 

 

O izado dos incordios de maior peso requeriu de aparellos improvisados sobre a pasarela no entanto outras mans discriminaban sobre a area bolsas de plástico, filtros de cabichas esmagadas e lixo polimérico e de látex de todas as procedencias. Tripulacións de apoio da Asociación de Mariñeiros meteron horas para recibir dos mergulladores pezas sorprendentes da contaminación.

 

 

 

 

 

A Asociación de Mariñeiros levou a cabo a limpeza integral do pantalan de barcos tradicionais. O concello emprestou seis carretillas, angazos e legóns, tamén a Autoridade Portuaria colaborou co evento.

 

 

 

 

 

Nas brigadas de limpeza comentaban a abundancia na beiramar e no areal de pequenas bolsas de plástico, arrastradas polo vento dende a paisaxe desolada que queda despois da feira dominical no recheo. A prevención de este semanal descoido axudaría a conservar a beiramar e reduciría o traballo de recollida.