Facemos reconto

Finalizada a campaña 2012 facemos reconto. Sorprendeunos pensar que no 2011 bateramos un record, pero non foi así. Nestes tempos de crises as cousas non son iguais. No ano 29 suicidábanse os banqueiros e agora suicídanse os obreiros. A nosa asociación utilizando un aparello de capa para virar o temporal conseguiu pasar a borrasca do 2012 sen novidade.


Todas as institucións relacionadas coa Cultura e o Patrimonio Marítimo están a padecer un temporal e calquera solicitude de achegas remata na cámara de conxelación. É o conto diario no que se refire a conservación patrimonial, emprazada no listado de menos urxentes cando o malestar peta na porta.


Atendido principalmente por traballo voluntario e contando coa boa disposición de tripulacións de mellor vontade, o Pantalan de Embarcacións Tradicionais, recibiu este ano unha media de 25 visitas diarias no mes de xuño e 40 durante xullo e agosto, os fin de semana as visitas rondaban o centenar, e a marca que bate todas as anteriores e de 129 persoas nun só domingo.


As manobras das velas vellas pola Ría, non deixaron de ser obxectivo fotográfico privilexiado nos días de verán, mentres no Pantalan establécese con toda seguridade como lugar de atracción preferente no litoral do Mar de Vigo. Os barcos patrimoniais adornan a beiramar complementan as referencias tradicionais da paisaxe e proveen información sobre a cultura mariñeira do Pais. Ao tempo, denotan atención e cariño polo noso rico legado histórico.


 

Co sal nas mans

Este é o título do libro que nos presentou Paulino Ambrosio Costas. O libro é o resultado dun traballo de entrevistas e recompilación de fotografías, dende 1930 ata 1960. As fotografías falan por si soas e os textos recollen testemuños verídicos, contados polos propios protagonistas. É un pracer navegar polas súas paxinas, nas fotografías aparecen barcos e persoas moi coñecidas entre elas meu tío Isidro descargando bonito. Dende aquí felicitamos o autor por esta obra onde se homenaxea ós mariñeiros galegos.