Arquivo para Julio 2013

As velas de Bouzas participan do éxito dos barcos tradicionais no mar do Freixo

Miércoles, 24 Julio 2013, por marineros bouzas

O grande encontro dos barcos nosos é o que promove cada 2 anos a Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial (FGCMF) que na segunda semana deste mes de xullo do 2013, escollera O Freixo (Outes), síntese mariñeira nos estaleiros de vela e motor, nos areais mariscadores, nunha longa tradición de mar. A Asociación de Mariñeiros de Bouzas participou no XI Encontro con esloras grandes e pequenas e aportou activo traballo voluntario en todos os eventos do programa.

A participación popular deu réplica á do encontro anterior en Muros, tanto na rotación de embarques de cativos e maiores como na asistencia veciñal. O rodame do galeón Coruxo partía en dúas ondas o mar da Bogalleira, dende Taramancos, a Barquiña e a Broña; A Oleira escoraba nunha poderosa refolada sobre o mar rubio do lombo da Misela, con toda a vela arriba; o traiñon Vigo Cinco levaba as dúas relingas encascadasa fil de vento, a dorna Falucheira embarraba o pé da ostaga nunha orzada e deixaba ver de lóstrego o brillo do macho do leme.

No sol da tarde, o mar do Freixo era un teatro das velas observado dende os anfiteatros visitadísimos dos areias. A quilla poderosa do Fé em Deus povoense tamén desafiou con pericia o Lombo e outra tanto fixeron os de Esposende co seu Santa Maria dos Anjos. As finas velas bascas, a gamela coruxeira, dornas de tope, bote de relinga, dornas da illa e de Ribeira e o bote da Portela, nacido no Freixo, completaban a escala dos barcos.

Os sempre interesantes debates sobre os barcos tradicionais, escoran sobre a banda administrativa, legal, construtiva ou técnica e deixan ao aire o pantoque da importancia patrimonial, polo demais ampliamente recoñecida polo público que asiste aos Encontros. Escoitamos de novo a pregunta de se as embarcacións tradicionais son cultura material ou inmaterial. Unha disputa xa resolta no abrente da Xeración Nós (1920) que colocaba os barcos históricos, destilados e entregados pola tradición, como parte importantísima da nosa forma de viver o mar, da mesma maneira que pedras lavradas do alto medievo contan o noso pasado e por iso as conservamos coma tesouros, coa diferenza notábel de que os barcos da tradición ainda pasan o mar e ben gallardos.

As demais ilustracións do programa do XI Encontro medíronse coa importancia fundamental do programa, que está sen dúbida na navegación e na iniciación de milleiros de tripulantes de todas as idades. Na sexta, o teito da carpa grande case remonta o vóo coa Terbutalina, banda punk muradana e Sés, a cantante coruñesa co Xenio Destrozado (título do seu traballo último) A tradición das velas dialogaba cos golpes ao pentagrama do grupo local The Wayfarers. No lugar de honra do programa,

Son de Seu concentrou no Freixo o seu coro de cantareiras que algunha navega en Bouzas, harpas , zanfonas, corda, parches e gaita tumbal e levou a entrega visibel do público.

 

 

 

 

 

 


Esta web utiliza cookies propias para su correcto funcionamiento. Al hacer clic en el botón Aceptar, acepta el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Más información
Privacidad