Presentación da antoloxía de poesía de Manuel Antonio

Manuel Antonio, o grande poeta contemporáneo do mar, xa ten edición completa dos seus versos. O manual “Poesía de Manuel Antonio”, editado e anotado por Xosé Luis Axeitos, foi presentado xoves 18 na libreiría “Andel” de Vigo (Camelias 102).

O profesor Axeitos tivo acceso, por primeira vez aos manuscritos autógrafos de Manuel Antonio o que permitiu correxir numerosas lecturas erradas en edicións precedentes (ámoras por áncoras; cravado por gravado, etc.) e, nomeadamente, presentar o proceso de elaboración do texto poético, ou, como quen dí, o preciso traballo de carpinteiría das palabras realizado polo autor rianxeiro.

Na presentación do libro, participaron Xosé Luis Méndez Ferrín, Anxo Angueira, o diretor da Fundación Barrié, Luis Rodríguez, e o propio autor. Ferrín dixo que Manuel Antonio metera na poesía e na literatura de Galicia os novos horizontes da escrita abertos pola Revolución Rusa e que o fixera como internacionalista confeso. O ex-presidente da Academia recusou expresamente o termo de “cosmopolita” algunha vez aplicado ao poeta.

Anxo Angueira, autor dunha memorábel presentación en Bouzas da súa última obra “Iria”, organizada pola Asociación de Mariñeiros, celebrou a visión en Galego do noso mar, a navegación e a nomenclatura dos barcos de aparello de cruz nos que Manuel Antonio navegara. Angueira saudou a presenza no acto de persoas comprometidas na recuperación e conservación prática de embarcacións tradicionais, entre eles unha representación da directiva da Asociación de Mariñeiros de Bouzas.

Na fotografía de Xaime Nogueira, aparece en primeiro plano Anxo Angueira, durante a súa intervención. A súa beira, o director da Barrié, Ferrín e Axeitos

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *