Noso amigo Ramon Recarei, o que sempre esta connosco, o que nunca falla, neste encontro tamén participou, e navegou nos barcos de Bouzas. De paso regalanos este magnifico vídeo, onde nos mostra na sol da tarde no mar de Cabo de Cruz un teatro de velas, e na noite para pechar o día Treixadura, nos fai cantar a emblemática Eu tamén choro.
Archivos Mensuales: Julio 2015
O XII Encontro consolida o interese popular polos barcos tradicionais
Xuntas, todas as velas da conspiración dos barcos históricos en Cabo da Cruz darían un papaventos tan grande coma a Illa de Arousa. Por separado, multiplicaban en fasquías distintas o Norte e o Nordés de Xullo no mar de Boiro entre Areas e a Pesqueira e de bolina flameaban centos de grímpolas e selos de asociacións de barcos da tradición. O XII Encontro de Embarcacións Tradicionais fai normal o grande espectaculo da vela e transmite a impresión de asequíbel, doado e diario, á convocatoria da Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial, tan lonxe das tensións dos comezos.
A representación da Asociacion de Mariñeiros de Bouzas val como exemplo da variedade que cabe nun grande enconntro de vela tradicional: o aparello complexo do Racú (A Oleira) con velas trincadas e altas; a síntese de trapecio da xeiteira (A Falucheira) como exemplo da vitalidade da vela ao tércio; a ancha proa do Galeón, que abre o mar coa refolada do Nordés e mídese coa traíña de velas pardas e eslora longa coma a sombra do cerco; o bote da Portela que vira a vela encascada sobre o perico ou a buceta pescadora que levanta o vóo con vela mística. A complexa solución de cada aparello é un agasallo para os ollos, a vista dunha bandada de paxaros de mar con asas de cores, planeos de mascato, despegues longos e corvo mariño e enfachadas de charrán.
Sobre o programa en Cabo de Cruz do XII Encontro da Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial , pódese dicir que obtén o obxectivo primeiro de manifestar a riqueza e permanencia do legado dos barcos tradicionais de Galiza. Da agonía dos primeiros comités organizadores por interesar as institucións, a cita de Cabo de Cruz vira o cabo das tormentas: agora moitas instancias non queren estar ausentes dunha convocatoria pública de enorme popularidade. O éxito da convocatoria internacional do Encontro é innegábel: do Adriático ven a barca de pesca de Komiza que vogan catro en pé sobre corredor (balestrina); o bascos reviven a histórica baleeira de voga e vela, con sólido casco a tope xunto delas navega de arca e couso a viva galeiría das dornas e as gamelas, á beira doutras velas de traballo do sub-continente.
O obxectivo segundo, e non menos importante, de conservación do patrimonio marítimo, vai cumprindo etapas fronte normas liquidadoras que non morren pero que revelan a súa incoherencia, o que en termos democráticos é tanto como contar coa panca da opinión para atinxir un cambio de lexislación.
O terceiro punto programático da FGCMF, extender a demanda de traballo na construcción naval e nos servicios de beiramar, non se corresponde ainda co despegue do interese popular polos barcos tradicionais. A Bretaña, cun 30% menos superficia ca Galiza e só un 10% máis de poboación, ten en funcionamento 83 estaleiros de madeira, en parte renacidos a causa da afición polas velas vellas.
As velas que un día foron de traballo e hoxe son de lecer, non teñen finalmente abertas entre nós as facilidades que acadron noutras costas da UE. A privatización da beiramar provoca atrancos a un prezo altísimo mentres o senso público e cooperativo e a iniciativa voluntaria fan progresar a beiramar e extender o seu valor ilimitado para o ócio.