O XII Encontro consolida o interese popular polos barcos tradicionais

Xuntas, todas as velas da conspiración dos barcos históricos en Cabo da Cruz darían un papaventos tan grande coma a Illa de Arousa. Por separado, multiplicaban en fasquías distintas o Norte e o Nordés de Xullo no mar de Boiro entre Areas e a Pesqueira e de bolina flameaban centos de grímpolas e selos de asociacións de barcos da tradición. O XII Encontro de Embarcacións Tradicionais fai normal o grande espectaculo da vela e transmite a impresión de asequíbel, doado e diario, á convocatoria da Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial, tan lonxe das tensións dos comezos.

A representación da Asociacion de Mariñeiros de Bouzas val como exemplo da  variedade que cabe nun grande enconntro de vela tradicional: o aparello complexo do Racú (A Oleira) con velas trincadas e altas; a síntese de trapecio da xeiteira (A Falucheira) como exemplo da vitalidade da vela ao tércio; a ancha proa do Galeón, que abre o mar coa refolada do Nordés e mídese coa traíña de velas pardas e eslora longa coma a sombra do cerco; o bote da Portela que vira a vela encascada sobre o perico ou a buceta pescadora que levanta o vóo con vela mística. A complexa solución de cada aparello é un agasallo para os ollos, a vista dunha bandada de paxaros de mar con asas de cores, planeos de mascato, despegues longos e corvo mariño e enfachadas de charrán.

Sobre o programa en Cabo de Cruz do XII Encontro da Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial , pódese dicir que obtén o obxectivo primeiro de manifestar a riqueza e permanencia do legado dos barcos tradicionais de Galiza. Da agonía dos primeiros comités organizadores por interesar as institucións, a cita de Cabo de Cruz vira o cabo das tormentas: agora moitas instancias non queren estar ausentes dunha convocatoria pública de enorme popularidade. O éxito da convocatoria internacional do Encontro é innegábel: do Adriático ven a barca de pesca de Komiza que vogan catro en pé sobre corredor (balestrina); o bascos reviven a histórica baleeira de voga e vela, con sólido casco a tope xunto delas navega de arca e couso a viva galeiría das dornas e as gamelas, á beira doutras velas de traballo do sub-continente.

O obxectivo segundo, e non menos importante, de conservación do patrimonio marítimo, vai cumprindo etapas fronte normas liquidadoras que non morren pero que revelan a súa incoherencia, o que en termos democráticos é  tanto como contar coa panca da opinión para atinxir un cambio de lexislación.

O terceiro punto programático da FGCMF, extender a demanda de traballo na construcción naval e nos servicios de beiramar, non se corresponde ainda co despegue do interese popular polos barcos tradicionais.  A Bretaña, cun 30% menos superficia ca Galiza e só un 10% máis de poboación, ten en funcionamento 83 estaleiros de madeira, en parte renacidos a causa da afición polas velas vellas.

As velas que un día foron de traballo e hoxe son de lecer, non teñen finalmente abertas entre nós as facilidades que acadron noutras costas da UE. A privatización da beiramar provoca atrancos a un prezo altísimo mentres o senso público e cooperativo e a iniciativa voluntaria fan progresar a beiramar e extender o seu valor ilimitado para o ócio.


4 Respostas a “O XII Encontro consolida o interese popular polos barcos tradicionais”

  1. Parece que tamen andava pola li un racu de Bouzas, que por certo ten 68 anos e esta coma unha rosa para vela, tamen é a embarcación de menos de 5 metros de eslora mais vella que participou nos encontros, ¡casi nada¡

  2. Samuel dice:

    Da gusto ver as fotos e ler as liñas onde non se pode disimular o orgullo de quen ve o froito do traballo de anos e anos de esforzo. Merecido é sen dúbida.

    Foi unha magoa faltar á festa pero queda o poder decir que participamos (e gozamos) levando os barcos alí.

    Na foto “cabo21” (12/16) vese unha traiñeira de dous mastros, de onde é?

    A ver se o Peixiño pode estar na seguinte!

  3. Carlos Cordero dice:

    Puiden asistir a este XII Encontro celebrado en Cabo de Cruz e hei de dicir que tanto a organización como o programa de actos a celebrar nos días que durou o evento, desenvolvéronse cunha boa coordinación de todos os responsables, especialmente os voluntarios que se envorcaron en que os tripulantes e visitantes en xeral, sentísense como en casa.
    En canto á pregunta que fai Samuel sobre a procedencia da trainera, si alguén non me corrixe, creo que é vasca.

  4. Vanessa dice:

    Grazas pola redacción ó completo e sobre todo do segundo párrafo que fai voar a imaxinación en busca de vivencias no encontro que deixaron pegada na mente.

Deixa un comentario