A chegada das traiñeiras

A chegada das traiñeiras e a orixe da pesca industrial en Galicia explicadas a través da traiñeira “VIGO CINCO”. Membros do Club de Remo Virxe da Guía achegáronse ata o pantalán de embarcacións tradicionais da nosa asociación para participar nesta nova actividade que vimos de poñer en marcha.

Tras coñecer as embarcacións tradicionais de Galicia que están expostas no pantalán, os membros do club de de Remo da Guía subiron á traiñeira “VIGO CINCO” para recibir a bordo da propia embarcación explicacións como:

* cando chegou a Galicia a primeira traiñeira procedente do Cantábrico.

* no ano 1899, só en tres meses, matriculáronse en Vigo máis de cen traiñeiras. Por que chegaron masivamente a Galicia as traiñeiras?.

* a chegada a Galicia das traiñeiras provocou fortes enfrontamentos verbais e físicos entre mariñeiros, ata o extremo de xerar o conflito que se coñeceu como a “guerra da sardiña”

* no deporte do remo adoita falarse indistintamente de traiñeira e traíña, pero son a mesma cousa ou son cousas diferentes?.

* as competicións de de traiñeiras, nos seus inicios, facíanse nas propias embarcacións de pesca: sabes como foi a evolución da traiñeira de pesca ata as actuais de competición?

* sabias que en Bouzas podes visitar a única traiñeira de pesca que hai en Galicia?

Logo de completar a súa formación como deportistas a través destas cuestións relacionadas co deporte que practican os membros do club de Remo da Guía convertéronse en tripulación da traiñeira e realizaron unha navegación a remo para experimentar as mesmas sensacións que tiñan os mariñeiros que hai uns 100 anos vogaban nas traiñeiras de pesca.


6 Respostas a “A chegada das traiñeiras”

  1. José Manuel dice:

    Real Academia do Castrapo: Traiñeira.

    Real Academia Galega: Traiña.

    3/4 do mesmo con Caballa-Rincha-Cabala, por dar outro exemplo.

  2. Samuel dice:

    Discrepo absolutamente con José Manuel do comentario anterior.

    Atendendo ás explicacións que se dan tanto na Asociación como nas diversas fontes dispoñibles na web, Traíña é un arte de pesca (unha rede) e Traiñeira é unha embarcación que adoitaba empregar esa arte.

    A confirmación pódese atopar… No diccionario da Real Academia!!!

    A castrapada é facer diferencialismos artificiais.

    Por certo, no mesmo diccionario da RAG Rincha remite a Cabala.

  3. José Manuel dice:

    Por certo Braulio, vaille quitando a esta páxina o corrector ortográfico en castelán porque acabo de decatarme que me correxiu palabras coma “pra”, o “vaite” comeumo, e “castelanismo” salveino porque me decatei a tempo que xa mo correxía por castellanismo.

    Saudos

  4. Samuel dice:

    Agradezo a túa resposta José Manuel: respetuosa, aportando razoamentos e denotando unha preocupación pola língua que entre todos debemos valorar e reforzar co seu uso.

    Na parte de polemizar, eu estou máis que disposto xa que nin polemizar é pelexar nin debatir ou discutir ten que ser de forma belixerante. E compartindo (e departindo) melloramos.

    Así como moitos profesionais da língua (traductores, mestres, escritores…) desdeñan a RAE en castelán, a RAG leva paus por todas partes pois non contenta a ninguén. O seu traballo é ingrato pois debe establecer un estándar para unha cousa viva e con mil variantes, coma o nome dun peixe (busquei xarda: defínea e presenta como sinónimos cabala, correolo, escombro, rincha, rinchón e verdel).

    Vouche dar toda a razón nun detalle: A RAG peca de frouxa (a min gústame especialmente a palabra mol) por falta de ambición. Coa riqueza do léxico galego, por qué non recoñecer na definición de cada sinónimo a zona onde se usa? Tiña gana de saber onde é que lle chaman “correolo”… e iso sería reforzar a súa riqueza!

    É algo que fai o DRAE, localizar en qué zonas de España ou Latinoamérica se emprega cada verba.

    Non son experto en língua nin en peixe (nin en barcos). Non podo defender por min mesmo o uso de traíña/traiñeira senon referirme ás fontes e argumentos. A miña intervención foi pola contradicción de que ti referías o uso de “Traíña” como oficial cando a institución que ti mencionabas di o contrario.

    Na Asociación hai quen defende o uso de traiñeira argumentando que “traiña” se popularizou polas retransmisións que a TVG facía das regatas nos 80. Os acostumados ás retransmisións deportivas sabemos o axiña se poñen de moda expresións que lle soaron ben a un locutor e por repetición quedaron establecidas… (santo fútbol).

    O teu argumento da “lancha de relinga –> lancha de traíña -> traíña” tamén ten consistencia polo que, pola miña banda, aprendín algo novo e lle damos un pouco de vida ao debate.

    En cambio no teu exemplo de perder chan por solo non vou estar dacordo (vasme odiar pero busco os detalles como un can): No propio DRAG veñen recollidas as dúas pero con significados distintos e non equivalentes (non son sinónimos) polo que só perderemos “chan” se empregamos mal a palabra “solo” e viceversa. Coñezamos ben cada unha delas e poderemos gabarnos da riqueza do galego: onde o castelán só ten unha palabra para varias realidades (suelo) nós podemos diferenciar a cal delas nos referimos usando a palabra específica. Vamos, que se mantemos os pés no chan e a cabeza fría entenderemos por que a Lei do Solo está ben enunciada.

    Por último, aconsellaríache revisar a configuración do teu sistema informático pois os correctores ortográficos non adoitan estar nas páxinas senon nos navegadores… e mentres escribo isto non estou sufrindo ningún tipo de correccións indesexables.

    Como di o compañeiro Corso, saúdos e sardiñas.
    Eu engado, e apertas cibernéticas!

  5. José Manuel dice:

    Ola Samuel (e demáis persoas coma dirían en Land Rober), boas tardes.

    Coma non está tarde de Praia, alomenos aquí no Val Miñor, boteime unha sesta e agora déuseme por botarlle unha ollada a internet, e, non esperaba resposta túa tan axiña.

    Vou ir debullando pouco a pouco do que me escribes:
    Agradécese unha resposta así coma a túa (hoxe en dia nos poucos foros que quedan funcionando a xente bótaseche a Iugular a mínima). Estou dacordo contigo se polemizar é debatir pausadamente, aportando información, porque iso máis que soster unha polémica e ter unha boa tertulia, cousa que me encanta, e xa postos…pódese facer unha boa tertulia alí no paseo cunha cervexiña, eh Braulio? … eu deixo cair a suxerencia coma quen non quer a cousa ;-)

    Deduzo polas túas palabras que eres, respeito da nosa lingua, moderadamente optimista. Podes creerme que me encantaría comparti-lo teu punto de vista…pero, a min, as miñas conclusións as que eu chego fanme ser mais ben pesimista cara o futuro da nosa lingua.

    Gostariame resucitar dentro de cen anos só por un dia pra poder ver que isto que hoxe aínda se lle pode chamar galego, séguese a falar nesta parte da península Ibérica; bueno, por iso e por poder ver se o noso Celta gañou algún campeonato de liga…pero seguriño que pra entón será máis fácil que iso ocurra, a que a lingua de Rosalía e Castelao se siga a falar nas rúas. Dame a espiña que pra entón só se falará galego na facultade de Filoloxía ¡e soamente nas aulas! nin nos corredores nin na cafetería!

    Hai agora 33 anos fun Alumno de Xulían Maure, estabamos a comezo de curso (1º de BUP) e lémbrome ben que comentou na clase que acababa de morrer o derradeiro falante de Dálmata, a língua que xusto cen anos atrás era maioritariamente falada na costa do que hoxe son as Repúblicas de Croacia e Eslovenia, lingua que o moderno estado da Iugoslavia deixou ir morrendo -por non dicir liquidando- porque non era coma as máis “nacionais” do Serbo-croata nin Esloveno. Dalí a pouco nomeárono Director Xeral de Política Lingüística da recén Xunta de Galicia de Xerardo Fernández Albor, e os poucos meses -non chegou a cinco, porque fíxome el o exame final- xa estaba de volta no Instituto de Nigrán; demitiu porque non via ben ¡e estaban ó comenzó inda! o plantexamento, as zapatas, do novo edificio da recuperación da nosa lingua.
    Pra liquidar unha raza ou unha lingua, ou calquer outra cousa máis ou menos pura, o máis eficaz é hibrida-la, que non recasta-la. Onte, sen ir máis lonxe, estábamos almorzando e meus fillos estaban vendo na TVG2 a película de debuxos animados de Hansel e Gretel, e a vella mala chamábanlle ¡a bruxa! que é un castelanismo, no canto de meiga. Ti agora podes buscar todo o que queiras no diccionario da RAG, que de seguro virá, esa palabra de bruxa, pero non deixará de ser un castelanismo máis, e así con todo o noso vocabulario de seu, ata deixa-lo nun castelán “noruestado”, por non falar xa da eliminación da segunda forma do artigo na norma actual.
    A realidade, cruel por incuestionable, é que cada vez estase a falar menos galego e de peor calidade, e pra mostra un botón: hai uns meses, xusto antes das eleccións de Nadal, na parede traseira da capela da Ramallosa fixeron esta pintada reivindicativa contra da polítca económica do gobernó que vai -polo que se ve- a seguir: ¡Quen “Sembra” (no canto de sementa”) ventos recolle tempestades!…Esa escritura xa o di todo… e ti poderásme dicir: sembra tamén ven no diccionario da RAG; poderá vir, pero iso confirma a miña teoría do “apalleiramento” do galego, co todo-los meus respetos ós esforzados que están a recuperar ten senlleira raza de can Galego.

    O outro dia estaba facendo zaping, e parei en V Televisión na entrevista que a presentadora estáballe a facer a D. Camilo Nogueira; confeso que primeiro parei pola “vestimenta” da presentadora que “realzaba” os seús “encantos”, pero ó ver que era D. Camilo (o Don teno máis que gañado) quedeime a ve-lo, e dicía con toda a razón -sentando cátedra- que toda a nosa historia dende os Reis Católicos pra acá é a negación de Galicia coma nacionalidade, e ten toda a razón do mundo: esta xente non parará ata que isto que hoxe é Galiza ou Galicia, non acabe sendo “Castilla del Noroeste”.

    A RAG non ten, nin de lonxe, as atribucións da RAE; o mero feito de que sega a ser un Ente
    de natureza xurídica privado xa o di todo. Non ten competencias, as competencias tenas a Secretaría Xeral de Política lingüística e o Instituto da Lingua Galega. De feito foi a única institución galega que permañeceu aberta todo o Franquismo posto que só se ocupaba de literatura, tendo coma Académicos a Nomes -calidade literaria aparte- coma Cunqueiro que vestiu a camisa azul de Falanxe. E segue sendo inoperante, precisamente onte deu a coñecer o único salientable do que se ocupa: o escritor a quen lle adicarán o ano que ven o dia das nosas letras, que está soterrado en Nigrán, por certo.

    Así e todo son pesimista, ou por todo iso; emporiso teño medo que dentro de cen anos ó galego lle pase 3/4 do que hai 33 anos pasoulle ó Dálmata.

    Creeme que no fondo da miña alma gostaríame -encantaríame- estar errado, máis os feitos, ou o camiño que levan os feitos…

    Unha aperta pra todos.

  6. Samuel dice:

    Abofé que “molaría un cacho” (o galego está vivo se tamén admite os neoloxismos, verdade?) botar una ollada no futuro. E saber se o Celta gañará algunha Liga… ou algo, alomenos bffff…

    Respeto a quen viu máis mundo ca min (por anos ou por kilómetros) e tomo nota da túa pouca esperanza, para que non me colla de sorpresa de cumprirse os teus avisos.

    Mira ti qué curioso: por querer discutirte “Bruxa” me asaltou a dúbida: “entón no conxuro da queimada? non é tradicional?”… investiguei e non!

    Inventouno un vigués nos anos 60! Así que poderías ter razón en “bruxa” como calco do castelán… se non fose que… seguimos investigando:

    Bruxa é peninsular prerrománico. En latín non existía a palabra (vamos, que pode ser tan castelá como galega). Aparece na escrita por primeira vez no SXIII. Poderías argumentarme que sería unha palabra da outra punta do territorio que a influencia do Castelán meteu no Galego senon fose que en Portugués tamén é “bruxa”!

    Vamos, que a palabriña ten “rancio abolengo”.

    Meiga tamén existe en Portugués, pero cun significado dificilmente relacionable ao que temos agora por meiga (que por certo, no propio Galego difire de bruxa no seu significado).

    Sinto desviar a conversa, pero me gustan moito as palabras, as súas orixes e os seus matices. Gústanme os cómos e os porqués. Como o Corso non publique axiña outro artigo aquí non pasamos a falar de barcos “nin pa Dios”.

    Pode que igual que a língua Dálmata, desaparezan os barcos de madeira, o Galego e mesmo algúns dereitos civís, pero non será hoxe. Non mentres esteamos nós atentos.

    Polo menos hoxe, son optimista.

    Verémonos polo pantalán algún día?

    Mentres tanto, apertas!

Deixa un comentario


Esta web utiliza cookies propias para su correcto funcionamiento. Al hacer clic en el botón Aceptar, acepta el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Más información
Privacidad