Arquivo para Julio 2016

Nosa representación en Brest 2016

Viernes, 29 Julio 2016, por marineros bouzas

Na grande Festa Marítima de Brest deste ano 2016, Mariñeiros de Bouzas estivo presente a través do nos colega e navegante en Bouzas Xoán, que nos envía este comunicado e fotos.
Dinos que estivo navegando a bordo dunha goleta holandesa de tres mastros “O Thalassa” e nos ilustra decéndonos que o nome significa mar en grego. Coméntanos que vota de menos as sabrosas empanadillas de cangas e as navegacións pola nosa Ria. Tamén nos di:

Debido aos recentes ataques terroristas en Francia, o control de acceso fíxose moi pesado (unha media hora de cola ao sol), pero a festa pagou a pena. Habia moitos grupos de gaitas, amenizando o cotarro. Ata bailamos nunha roda bretoa.
Pasámolo moi ben, e todo o mundo preguntaba polos galegos de Bouzas, que dicían que desta volta non había tanta festa coma cando viñeran os galegos.

A Regata de Faluchos 2016 por Grumete Peixiño

Lunes, 25 Julio 2016, por marineros bouzas

Chegou o gran día! Aínda que habitualmente as regatas fanse pola tarde, este ano pasáronse as probas ao horario de mañá por mor da marea.

Para cando chegamos a patroa e máis eu, aquilo xa fervía de xente na auga falucheando. Dende a súa carpa a organización daba instrucións por megafonía e invitaba a quen quixera a participar para completar o cupo de inscricipóns. O público comezaba a amorearse no borde do paseo para contemplar as mangas e o fermoso día presaxiaba un espectáculo sen precedentes.

A patroa tiña unha espiña cravada dende o seu cuarto posto do ano pasado así que se inscribiu rápidamente na categoría feminina. Como o cativo aínda non ten idade para estas cousas e alguén tiña que quedar con el, decidín que a data da miña estrea nas competicións falucheiras sería en 2017.

Na hora prevista a organización reclamou o desaloxo do campo de regatas e foron chamando ós remeiros para se prepararen. Con boa orde e gran eficacia comezaron as probas. Mentres as eliminatorias se sucedían puidemos comprobar que o nivel era alto: case ninguén marchaba a pique, os remeiros facían con tino a virada nas boias e máis de unha eliminatoria decidiuse en apaixoante man a man.

Todos os que participaron son uns campións, pero o que todo o mundo agardaba sen disimulo era a final de veteranos: Carlos e Mariano, Mariano e Carlos. Ninguén osou inscribirse na súa categoría (súa porque son os donos): Como un duelo de vaqueiros na rúa principal esperando as badaladas, a cousa era entre dous. Foi emocionante, apaixoante, reñido e non exento de polémica. Non ten sentido que o relate, hai que vivilo. Así que quedades convidados para o próximo ano.
Pola nosa banda, botamos unha man na recollida de pertrechos e navíos e pola tardiña asistimos á entrega dos premios. Coa presencia do alcalde e amenizados pola Banda de Redondela, os gañadores das diversas competicións (pintura, petanca, pesca, fútbol e faluchos) recibiron os seus trofeos no medio dos aplausos dos asistentes. E xa logo, nos unimos á festa.
Era tarde cando marchabamos para casa e o solpor deleitounos cunhas fermosas vistas do mar de Bouzas. Estabamos cansos pero felices… sobre todo a patroa! que aínda trouxo un inesquecible trofeo para presidir o salón da casa!

Preparando a regata de faluchos. Por Grumete Peixiño

Lunes, 18 Julio 2016, por marineros bouzas

Nestas que quedamos cun amigo pra levalo de paseo no Peixiño (grande cousa esta de poder fachendear ante os amigos daquilo do que te sentes orgulloso) e nos atopamos con que na última singradura por Muros partíralle a percha. Vale que a cana de bambú xa era veterana, pero non deixa de ser un chasco.

Como o importante na vida é saber mirar cara adiante, a busca dunha solución chegou con outra cana de bambú que estaba na reserva. Así que lle tomamos a medida á vella, cortamos a nova con sofisticadas ferramentas e mirando certas fendeduras que a percorrían resolvemos que sería boa idea reforzala con ligaduras, chamoulle o Corso a esta técnica.
Como o tempo corría e estaba claro que non arranxaríamos para saír a navegar ese día, concentramos os nosos esforzos no evento da fin de semana: “O Campionato Mundial de faluchos”. Concretamente a patroa e máis eu estivemos facendo mangas pra probar os remos e os navíos, así como o aliñamento das boias.

Vamos, que mentres outros se adicaban a colocar os mortos e as boias con bandeira nós estivemos a xogar coma cativos nos bravos faluchos. E digo bravos por dicir algo contrario a mansos: Abofé que son difíciles de dominar! Os remos escapan dos toletes, entra auga, se tes o cu fora do centro exacto o choio escora e non hai quen manteña unha liña recta. Infernais. Como fai a xente que os domina? O inconsumible Mariano e o irrepetible Carlos, que trato fixeron co demo para seguir coleccionando trofeos e protagonizando emocionantes duelos edición tras edición?

Pois alí estabamos nós, apostando quen facía a cea ese día. Eu remaba máis forte e máis rápido pero nunca en liña recta cara a miña bandeira, mentres que a patroa, máis regular e controlada, protestaba porque tiña que esquivar os meus bordos desquiciados.

Ao final conseguín entrar primeiro na liña de boias. E coa ledicia quixen imitar a fazaña que me comentaran media hora antes: “Os máis expertos son quen de pórse de pé no falucho sen caer”. E conseguino!, durante 6 segundos.

Xa custou poñerse de pé, que aquilo empezou a bambolearse que nin díos ata que finalmente acabei na auga e co falucho dado volta. Por sorte puxera o bañador, pero tiven que volver sen camiseta pra casa.

Cambio de horario da regata de faluchos

Martes, 12 Julio 2016, por admin

Con motivo de que este ano a marea coincide moi mal pola tarde, a organización decidiu facer a Regata de Faluchos o Sábado 16 pola maña.

No cartel tendes máis información.


Esta web utiliza cookies propias para su correcto funcionamiento. Al hacer clic en el botón Aceptar, acepta el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Más información
Privacidad