A Regata de Faluchos 2016 por Grumete Peixiño

Chegou o gran día! Aínda que habitualmente as regatas fanse pola tarde, este ano pasáronse as probas ao horario de mañá por mor da marea.

Para cando chegamos a patroa e máis eu, aquilo xa fervía de xente na auga falucheando. Dende a súa carpa a organización daba instrucións por megafonía e invitaba a quen quixera a participar para completar o cupo de inscricipóns. O público comezaba a amorearse no borde do paseo para contemplar as mangas e o fermoso día presaxiaba un espectáculo sen precedentes.

A patroa tiña unha espiña cravada dende o seu cuarto posto do ano pasado así que se inscribiu rápidamente na categoría feminina. Como o cativo aínda non ten idade para estas cousas e alguén tiña que quedar con el, decidín que a data da miña estrea nas competicións falucheiras sería en 2017.

Na hora prevista a organización reclamou o desaloxo do campo de regatas e foron chamando ós remeiros para se prepararen. Con boa orde e gran eficacia comezaron as probas. Mentres as eliminatorias se sucedían puidemos comprobar que o nivel era alto: case ninguén marchaba a pique, os remeiros facían con tino a virada nas boias e máis de unha eliminatoria decidiuse en apaixoante man a man.

Todos os que participaron son uns campións, pero o que todo o mundo agardaba sen disimulo era a final de veteranos: Carlos e Mariano, Mariano e Carlos. Ninguén osou inscribirse na súa categoría (súa porque son os donos): Como un duelo de vaqueiros na rúa principal esperando as badaladas, a cousa era entre dous. Foi emocionante, apaixoante, reñido e non exento de polémica. Non ten sentido que o relate, hai que vivilo. Así que quedades convidados para o próximo ano.
Pola nosa banda, botamos unha man na recollida de pertrechos e navíos e pola tardiña asistimos á entrega dos premios. Coa presencia do alcalde e amenizados pola Banda de Redondela, os gañadores das diversas competicións (pintura, petanca, pesca, fútbol e faluchos) recibiron os seus trofeos no medio dos aplausos dos asistentes. E xa logo, nos unimos á festa.
Era tarde cando marchabamos para casa e o solpor deleitounos cunhas fermosas vistas do mar de Bouzas. Estabamos cansos pero felices… sobre todo a patroa! que aínda trouxo un inesquecible trofeo para presidir o salón da casa!

Deixa un comentario