Preparando a regata de faluchos. Por Grumete Peixiño

Nestas que quedamos cun amigo pra levalo de paseo no Peixiño (grande cousa esta de poder fachendear ante os amigos daquilo do que te sentes orgulloso) e nos atopamos con que na última singradura por Muros partíralle a percha. Vale que a cana de bambú xa era veterana, pero non deixa de ser un chasco.

Como o importante na vida é saber mirar cara adiante, a busca dunha solución chegou con outra cana de bambú que estaba na reserva. Así que lle tomamos a medida á vella, cortamos a nova con sofisticadas ferramentas e mirando certas fendeduras que a percorrían resolvemos que sería boa idea reforzala con ligaduras, chamoulle o Corso a esta técnica.
Como o tempo corría e estaba claro que non arranxaríamos para saír a navegar ese día, concentramos os nosos esforzos no evento da fin de semana: “O Campionato Mundial de faluchos”. Concretamente a patroa e máis eu estivemos facendo mangas pra probar os remos e os navíos, así como o aliñamento das boias.

Vamos, que mentres outros se adicaban a colocar os mortos e as boias con bandeira nós estivemos a xogar coma cativos nos bravos faluchos. E digo bravos por dicir algo contrario a mansos: Abofé que son difíciles de dominar! Os remos escapan dos toletes, entra auga, se tes o cu fora do centro exacto o choio escora e non hai quen manteña unha liña recta. Infernais. Como fai a xente que os domina? O inconsumible Mariano e o irrepetible Carlos, que trato fixeron co demo para seguir coleccionando trofeos e protagonizando emocionantes duelos edición tras edición?

Pois alí estabamos nós, apostando quen facía a cea ese día. Eu remaba máis forte e máis rápido pero nunca en liña recta cara a miña bandeira, mentres que a patroa, máis regular e controlada, protestaba porque tiña que esquivar os meus bordos desquiciados.

Ao final conseguín entrar primeiro na liña de boias. E coa ledicia quixen imitar a fazaña que me comentaran media hora antes: “Os máis expertos son quen de pórse de pé no falucho sen caer”. E conseguino!, durante 6 segundos.

Xa custou poñerse de pé, que aquilo empezou a bambolearse que nin díos ata que finalmente acabei na auga e co falucho dado volta. Por sorte puxera o bañador, pero tiven que volver sen camiseta pra casa.


3 Respostas a “Preparando a regata de faluchos. Por Grumete Peixiño”

  1. Victor dice:

    Non se fixo o mundo nun día, así que o de dominar o falucho tampouco vai ser cousa de chegar e encher. Logo de moitas horas de vogar neles empezarás facer o que queiras con eles.
    Con respecto á percha do Peixiño. Un consello, sempre ten un par de perchas de reposto preparadas, de feito esa que estás preparando era unha das que eu tiña na miña chabola de reposto, pero ao quedarme sen chabola tivemos que botar as canas de bambú no tellado e quedaron á intemperie e sen tratar. Antes de colgarlle a vela na verga que estades preparando é preciso darlle un par de mans de barniz oscuro para protexer a cana e as ligaduras dos raios UV e procurar que a cana dure algo mais.

  2. Grumete Peixiño dice:

    Anoto os teus consellos Víctor, e grazas pola túa “espontánea xenerosidade” ao permitirnos usar unha das túas canas.

    A verdade é que non esperamos a barnizala e xa saímos ao mar, pero seguro que a mellor idea sería seguir as túas indicacións.

  3. Das ist ja der helle Wahnsinn, das Grün hab ich noch nie so glänzend auf die Kamera bekommen. Und die Motive sind auch wirklich echt knuffig^^

Deixa un comentario