Rachando mastros a 15 nos por Grumete Peixiño

Chegou un novo mércores a Bouzas e tocaba navegación. Xa pola mañá vimos a patroa e máis eu que o vento era bravo. A sorpresa foi que ao chegaren á porta da chabola alí había una chea de xente para saír a navegar. A pesar de levar dous anos organizando a actividade en modo curso, a idea de que a Asociación saca a “pasear gratis pola Ría” a quen apareza por alí está moi difundida.

Finalmente se repartiu aos visitantes e nós, que xa temos un nivel, acabamos asignados á Barola. Este barco é un bote da Ría e para nós ten un valor especial posto que pertence ao noso mestre nisto da navegación tradicional. De medidas similares ao Peixiño, tamén comparte a manobra choqueira polo que se fai cómodo de gobernar.

Nun primeiro intre probamos a saír de Bouzas, pero efectivamente os prognósticos acertaran e facía un vento tremendo. Mesmo os grandes acabaron por regresar a terra!
Optamos entón por converter en particular circuíto de adestramento o espazo entre as Madorniñas e o paseo. O mestre decidiu que era un bo día para practicar a virada en redondo e demostrar que non é necesario ter moito espazo.

Xa levabamos unhas cantas achegas audaces (pero sen risco) cando nos deu novas instrucións: E nestas que o mastro da Barola dixo “basta”. Sen previo aviso e case disimuladamente deu e partir pola base e caer coa vela no mar, deixando nada máis que un muñón de madeira tronzada sobresaíndo da cuberta. Axiña subimos todo a bordo e puxemos o motor coa proa de novo cara Bouzas, coas ondas e o vento batendo en nós.


Deixa un comentario