A regata dos faros

Dornas polbeiras de todos os mares galegos, con destacada presenza da Ria de Arousa, déronse cita para medir as habilidades mariñeiras das súas tripulacións. Das vinte e seis embarcacións que zarparon ao toque da bucina, vinte e catro lograron completar o percorrido marcado. Entre elas a Madorniña, da Asociación de Mariñeiros de Bouzas que logrou un digno oitavo posto a pesar de ser gobernada por dous navegantes novatos. A escola de navegación tradicional de Bouzas semella que vai dando os seus froitos e a Madorniña promete dar guerra en próximas citas dorneiras.

A regata decorreu nun ambiente festivo e fraternal, con condicións meteorolóxicas óptimas para poñer a proba as habilidades dos participantes. Un vento moderado con refachos ocasionais e a mar de vento comezando a formarse acompañaron todo o traxecto. As polbeiras, con todo o trapo izado, tiveron que sortear bateas, bolinar ao límite para remontar varias millas a barlovento e escorregar polas ondas co vento en popa cerrada.


Deixa un comentario