A Regata do Marisco

A tempada de regatas de dornas a vela concluíu o pasado sábado 6 de outubro coa Regata do Marisco na vila de O Grove, coincidindo coa festa gastronómica do mesmo nome. Nesta ocasión a saída tivo lugar desde a praia de Confín, coas dornas varadas e a medio aparellar. Vinte e unha tripulacións saíron disparadas ao bucinazo aproveitando o vento fresco que acompañou toda a xornada, e que foi subindo progresivamente de intensidade. Foi unha tarde de espectaculares escoras, proeiros pendurados das drizas, velocidade e viradas extremas. Mesmo algúns pequenos incidentes sen consecuencias salientables, algún leme que quixo escapar das guías ou algún barco que se foi de orzada, aportaron tensión á cita.

A Madorniña, da Asociación de Mariñeiros de Bouzas, non podía perder este fin de festa e completou o percorrido entre bateas cruzando a liña de chegada en oitava posición. Cabe destacar o grande traballo da asociación organizadora, Amigos da Dorna Meca, que, facendo honra á denominación da regata, quixeron que os dorneiros congregados acabasen a tempada con bo sabor de boca, ofrecéndolles nada menos que nécoras e camaróns en abundancia para recuperar as forza.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *