A Regata do Marisco

A tempada de regatas de dornas a vela concluíu o pasado sábado 6 de outubro coa Regata do Marisco na vila de O Grove, coincidindo coa festa gastronómica do mesmo nome. Nesta ocasión a saída tivo lugar desde a praia de Confín, coas dornas varadas e a medio aparellar. Vinte e unha tripulacións saíron disparadas ao bucinazo aproveitando o vento fresco que acompañou toda a xornada, e que foi subindo progresivamente de intensidade. Foi unha tarde de espectaculares escoras, proeiros pendurados das drizas, velocidade e viradas extremas. Mesmo algúns pequenos incidentes sen consecuencias salientables, algún leme que quixo escapar das guías ou algún barco que se foi de orzada, aportaron tensión á cita.

A Madorniña, da Asociación de Mariñeiros de Bouzas, non podía perder este fin de festa e completou o percorrido entre bateas cruzando a liña de chegada en oitava posición. Cabe destacar o grande traballo da asociación organizadora, Amigos da Dorna Meca, que, facendo honra á denominación da regata, quixeron que os dorneiros congregados acabasen a tempada con bo sabor de boca, ofrecéndolles nada menos que nécoras e camaróns en abundancia para recuperar as forza.

Xornada para a historia de CULTURMAR

O 06 de outubro do 2018 xa é unha xornada para a historia de CULTURMAR. Movemento asociativo é de reivindicación da conservación do Patrimonio Marítimo Galego. A celebración dos 25 anos da FGCMF, foron unhas xornadas pra recordar.

O conseguir que no corazón de Galicia, a praza do Obradoiro, durante unha semana os barcos de traballo dos galegos, os barcos  cos que moitisimas familias se gañaron a vida, que eses barcos estivesen cas velas despregadas, ocupando unha superficie de 800 metros cadrados, esas embarcacións con todas as proas enfiladas ao mestre Mateo, mestre dos canteiros, para que dende seu lugar de honor poida ollar as obras mestras, dos mestres carpinteiros de ribeira galegos, foi unha homenaxe que dificilmente se poderá repetir.

25 ANOS NA SALVAGARDA, 25 anos da celebración do primeiro Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia, da construción da lancha xeiteira Marina, esta efeméride na capital de Galicia onde carochos, gamelas, botes polbeiros, botes de Carril, botes de Ribadeo, botes de media construción, dornas polbeiras, dornas naseiras, dornas cordeeiras, dornas xeiteiras, bucetas, racús e outras tipoloxías do rico patrimonio galego. Pois se cabe esa mariña en seco, esa exposición, poida que, se acade un maior compromiso na salvagarda do patrimonio, porque o patrimonio e de todos, e a todos compete a súa salvagarda.

 

 

Regata Porto Meloxo

Vinte e unha dornas vararon a popa na area de Porto Meloxo o pasado sábado 22 convocadas polos Amigos da Dorna Meca. Entre as primeiras en conseguir armar o leme e escapar do barullo inicial a golpe de vara de portar e bolinando a rabiar, encontrábase a Madorniña, da Asociación de Mariñeiros de Bouzas. A pesar das boas predicións de vento, unha encalmada monumental esperaba ás tripulacións entre as bateas, à saída da área da enseada. Case dúas horas despois do toque da bucina de saída, conseguiu a nosa polbeira superar a primeira virada, a dúas millas do punto de partida. A partir dese punto, un ventiño leve permitiu acabar a regata antes de caer a noite.

Finalmente, a Madorniña cruzou a meta en quinta posición, batendo novamente a marca persoal da tripulación.

Importante Simposio sobre a Pesca Recreativa

Enmarcado no proxecto SICORE os pasados, venres e sábado, 14 e 15 de setembro de 2018, celebrouse no incomparable marco do Museo do Mar de Galiza o
 “I Simposio Internacional sobre Pesca Marítima recreativa ISMAREF 2018”  Unha iniciativa impulsada por un amplo consorcio e liderada pola universidade de Compostela a través do programa PlEAMAR. Esta iniciativa, contou coa participación moi activa de FEDEPEMAR, socio e organizador da loxística. Este importante evento, con un amplo programa, que podedes ver no cartel, e un paso mais na procura de que os pescadores recreativos, poidamos no futuro estar nos lugares onde con voz e voto, presentemos propostas en defensa da Pesca Recreativa Responsable.  

As administracións xa saben das importantes cantidades de diñeiro que se moven en torno aos negocios da pesca recreativa, polo que esperamos que teñan en conta as propostas do colectivo. A Asociación Mariñeiros de Bouzas, que  pertence ao colectivo de Fedepemar, tamén participou neste importante congreso, no que, se persigue, intentar presentar as administracións que a pesca recreativa responsable, extractiva e perfectamente sostible, polo que vaise reivindicar que se poida pescar nos mesmos mares que pescan os profesionais.

XIX Concurso de pesca dende embarcación

O pasado sábado 9 Organizamos o XIX Concurso de Pesca dende Embarcación en modalidade libre. Esta competición esta aberta a todos aqueles que queiran participar e cumpran as normativas do concurso. Este ano, con menos peixe que anos pasados. Inda asi o día estivo moi animado e coma sempre despois da entrega de premios, a fritada e a musica, fixo que os pescadores pasaran unha boa xornada.