Arquivo para Septiembre 2019

Bouzas na regata do Camping Miami

Miércoles, 18 Septiembre 2019, por marineros bouzas

Os patróns  da Madorniña, ademais de regatear moi ben, nos regalan a crónica da regata.  O verán xa vai tocando ao seu fin, pero a competición dorneira aínda ten citas pendentes. A última en se celebrar foi a sétima edición da Regata Cámping Miami, organizada polos Amigos da Dorna Meca e o campamento que lle dá nome.

Un total de 12 dornas polbeiras medíronse nas augas de San Vicente do Mar, con mar calmo e brisa mainiña constante que impulsou ás embarcacións entre Pedras Negras e a Lanzada para finalizar tras dúas voltas na praia de Area da Cruz.
Mariñeiros Bouzas enviou á súa representación habitual e a Madorniña que conseguiu facer sonar a bucina en quinta posición, mellorando o resultado do ano pasado.

Nesta ocasión, ademais da desbordante hospitalidade do Cámping Miami que agasalla aos participantes con unha copiosa cea e durmida nas súas instalacións, a asociación organizadora quixo recoñecer o esforzo realizado polos nosos tripulantes para non perder unha regata a pesar da distancia, facéndonos entrega dun precioso trofeo que xa se encontra nas vitrinas de Mariñeiros Bouzas.

A Madorniña na Regata do Sepelo

Viernes, 6 Septiembre 2019, por marineros bouzas

A competición dorneira tivo unha nova cita o pasado fin de semana en Portonovo coa XI edición da Regata do Sepelo, que cada ano organizan os Amigos da Dorna. As tripulacións congregáronse ás 4 da tarde do sábado 31 para dar dúas voltas a un triángulo balizado ante a punta que dá nome á regata. A predición meteorolóxica, con refachos de perto de 20 nós, levou á organización a decretar a obrigatoriedade de tomar un rizo durante a totalidade da proba.

Sobre o terreo, o vento fixo que a frota dorneira tivese que esforzarse ao máximo, rolando e cambiando de intensidade constantemente. Foron moitos os que sucumbiron a este escenario tan esixente, obrigados a orzar para compensar as repentinas escoras, a realizar viradas imprevistas cando un role fixo perder a derrota planeada ou simplemente freados nas calmas pola redución do trapo. A representación de Bouzas estivo composta pola Madorniña, que cruzou a meta en duodécima posición.


Esta web utiliza cookies propias para su correcto funcionamiento. Al hacer clic en el botón Aceptar, acepta el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Más información
Privacidad