A clásica regata do Bao

Fin de semana atarefado para os Mariñeiros de Bouzas, mentres que uns tripulaban os barcos de Bouzas na concentración de Combarro, outros formaban parte da tripulación do  bote de vela latina Canaria, e a MADORNIÑA cunha tripulación con unha mariñeira nova competían na regata do Bao.

Nesta nova edición da clásica regata do Bao, organizada pola ACD Dorna da Illa de Arousa, que como cada ano se celebrou na praia da Canteira, onde as dornas despregaron as súas velas embelecendo a ría coa súa presencia.

O día comezaba sen vento e con chuvia, pero co paso das horas o orballo parou e para o comezo da regata gozabamos dunha tarde apta para a navegación.

Este ano un total de vinte e oito embarcacións saíron varadas da praia, onde as tripulacións tras o toque de bucina botaron a correr cara ás dornas para pertrechalas e comezar coa navegación.  A Madorniña con parte da tripulación distinta á habitual, tivo unha moi boa saída do areal, rápida e sen complicacións.

Co avance da regata o vento foi aumentando e a embarcación de Bouzas puido remontar algúns postos, con todo isto, a Madorniña conseguiu tocar a area na posición dezaseis.

 

Navegando polos mares de Combarro

Como ven sendo habitual os nosos amigos do Clube Mariño A Reiboa organizaron a súa Concentración de Embarcacións Tradicionais.  Barcos de Bouzas coma cada ano, acudiron á cita xunto a máis de vinte embarcacións entre as que se encontraban dornas, gamelas, bucetas, galeóns, racús e botes entre outras tipoloxías.

Pero sen dúbida, un dos convidados que maior expectación levantou nesta ocasión  foi un barco foráneo, un bote de vela latina chegado nada menos que de Gran Canaria. Dende hai días, este fermoso barco, acompañado da súa tripulación, encóntrase en augas galegas para dar a coñecer a súa actividade.

Como en cada edición, non podía faltar a tradicional regata que A Reiboa organiza na tarde do sábado. Unha regata que mestura tipoloxías sen ratings nin nada parecido, se navega, polo mero pracer de navegar entre amigos e pasar unha tarde divertida.

Como o seu propio nome indica, este ano, a regata da Pamplina, tivo unha saída acorde co seu nome, xa que, a maioría dos participantes se encontraban lonxe da saída, logo da derradeira pitada, cada una foi pasando como e cando puido pola liña de saída, a regata foi dominada e gañada pola embarcación de vela latina canaria, que se beneficiou dunha excelente saída e da súa gran capacidade de cinguir o vento respecto dos seus rivais.

A tripulación gañadora estaba formada por catro Canarios habituais na embarcación, e foi suplementada para a ocasión por 3 mariñeiros de Bouzas quenes puxeron todo entusiasmo o servizo da embarcación. A dorna “Surfeira” entrou en segunda posición o “Luisa” en terceira, e “A Oleira” obtivo unha meritoria cuarta praza.

A Madorniña na Regata dos Faros

Despois de case dous anos, pandemia mediante, a dorna polbeira Madorniña volveu ao circuíto dorneiro o sábado 14 de agosto. Tripulación e barco desprazáronse a O Grove para participar na Rejata dos Faros, organizada polos Amigos da Dorna Meca e que chegou xa á súa trixésimo segunda edición, nada menos!

Un total de 26 dornas participaron na proba, ás que se sumaron outras embarcacións tradicionais que acompañaron a singradura aproveitando a espléndida tarde de verán e o suave vento que predominou durante a xornada.

A Madorniña acusou a prolongada interrupción da súa actividade, pero iso non impediu que completase a travesía a tempo de recibir a hospitalidade dos nosos compañeiros mecos, que sempre se desfán en atencións ás tripulacións visitantes.

Aínda que trastocada polas necesarias restricións sanitarias, a axenda dorneira semella que volve animarse. Con certeza a Madorniña estará ahí para garantir a presenza de Bouzas na competición!

Xa case temos todos os barcos no mar

Xa case temos todos os barcos no mar, é, tamén temos apuntados un feixe de barcos para participar no XV ENCONTRO que este ano vaise celebrar en Moaña, así como baixan do carro xa os imos apuntando, as tripulacións xa están cas faenas de pertrechar é,  en nada empezamos a navegar, este ano con un pouco de atraso,  (sera o covi ?)  por iso xa temos moitas ganas de ver as velas arriba.

 

Presentación de nosa asociación

Dende a Asociación Amics del Quetxe Ciutat de Badalona veñen organizando unhas charlas para dar a coñecer diferentes asociacións da Península Ibérica.

Este domingo día 16 de maio de 18.30 a 19.30 presentarase a Asociación de Mariñeiros de Bouzas, que amosará o seu traballo como asociación e o seu traballo como colectivo membro de CULTURMAR polo que enviamos o cartace para a súa difusión.