Inchadiña Branca Vela 2022

Mariñeiros Bouzas non faltou a unha das citas máis especiais do verán para quen andamos nos barcos de madeira, a Inchadiña Branca Vela. Neste evento, remóntanse os rios Ulla e Sar até padrón en homenaxe á poeta Rosalía de Castro, figura inigualábel da nosa literatura que nos deixou entre o seu vasto legado estes fermosos versos:

Que inchadiña branca vela
antre os millos corre soa,
misteriosa pura estrela!
Dille o vento en torno dela:
«Palomiña, voa!, voa!»

Cantares gallegos, 1863

Axudada pola maré enchente, a nosa dorna Madorniña uniuse a outras vinte embarcacións na remontada fluvial, que finalizou con unha solemne izada de velas ao son do Hino do Antigo Reino de Galiza e a unha ofrenda floral frente á estatua de Rosalía na alameda padronesa, rodeada de mariñeiras e mariñeiros remo en ristre.

Como sempre, temos que agradecer á organización a hospitalaria acollida e agarimoso trato dado ás tripulacións.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *