A Feira Franca e os barcos

Os días 2 e 3 de setembro, a cidade de Pontevedra retrocedeu no
tempo, ata a época do Medievo, para celebrar unha nova edición da Feira
Franca e revivir a época do monarca Enrique IV quen, no ano 1497, concedeu
á cidade a autorización para organizar un mercado libre de impostos durante
un mes.
O sábado, día forte da Feira, abriuse o mercado medieval ao tempo que
se realizaron demostracións de oficios tradicionais, obradoiros infantís, torneo
medival, exhibicións de cetrería, esgrima, e unha mostra de embarcacións
tradicionais a cargo das entidades que conforman CULTURMAR.

Esta mostra de CULTURMAR consistiu na colocación na Ponte do Burgo
de 10 embarcacións en seco e 12 embarcacións máis fondeadas e navegando
no río. A mostra estivo instalada ao carón dos restos musealizados do antigo
peirao de Pontevedra e da carpintería de ribeira que instalaron para a ocasión,
na Praza do Peirao, os compañeiros da asociación A Reiboa, de Combarro.

Tanto a mostra en seco como a mostra no río foi visitada por numeroso
público que non deixou pasar a ocasión para sacarse fotos e vídeos,
aproveitando a circunstancia de levar vestimenta medieval e poder posar coas
embarcacións de noutrora, que sobreviven grazas ao traballo dos colectivos de
CULTURMAR.
Mariñeiros de Bouzas, como membro activo de CULTURMAR, participou
na mostra das embarcacións tradicionais da Feira Franca de Pontevedra cunha
embarcación de río, o Carocho ou anguleiro, embarcación propia do tramo final
do río Miño, concretamente da zona de Goián (Galicia) e Vila Nova de Cerveira (Portugal)


Deixa un comentario