Embarcacións

A asociación dispon das seguintes embarcacións tradicionais:

Unha Gamela

Características gamela Un grupo de membros da asociación conseguiu restaurar no 2006 unha gamela coruxeira.

Esta gamela foi construída no ano 1983 polo Sr. Juan de Corujo. Nos seus primeiros tempos foi utilizada para a pesca profesional e máis tarde para pesca deportiva.

Cando nos doaron a gamela esta atopábase en moi mal estado e foi necesario un gran esforzo e moito traballo para a súa recuperación que ao final foi todo un éxito.

A gamela foi botada o 1 de Xullo de 2006 durante os nosos II Encontros de Embarcacións Tradicionais, co nome de “A Marosa” pasando a engrosar os nosos tesouros do noso patrimonio marítimo.

As madeiras empregadas para a recuperación, foron piñeiro do país para as estampas, corredores, asentos e regalas e carballo para as varengas e cadernas.

Vexa máis artigos relacionados coa gamela no blog.

Un Racu

O noso buque insignia é un Racu de case 8 metros de eslora. O Racu é unha evolución da traiñeira do cantábrico e da lancha xeiteira galega que adoita ter unha eslora de entre 5 e 10 metros. A súa zona de influencia máis notable, son as Rías Baixas.

O tipo de construción era balanceado a lume de biqueira con cadernas mestras en Ou en progresión a V moi picada a proa, cun lixeiro lanzamento entre os 10º e os 15º, peche de popa redondo e cuberta pechada.

Nos primeiros tempos, navegaban con remos de palote, vea de martelo-mística e relingas tipo dorna, aínda que máis tarde foron equipadas con motor, o que obrigou a introducir algunhas modificacións na estrutura. Aínda así, debido aos constantes erros dos motores, seguíronse empregando as velas ata os anos 60. Posteriormente estas embarcacións, deron paso ao que se chamaría as Motoras de Bouzas.

Unha dorna
A dorna é a embarcación tradicional máis coñecida, viva, en uso e que aínda hoxe pesca en Galicia. As súas liñas, estrutura, calidades mariñeiras, a construción en calime (táboa da dorna) a forma do remo ou a forma da vela fan dela a embarcación máis singular do país. De influencia nórdica, parecida aos buques viquingos, sobrevive hoxe incorporando motores fora-borda sen grandes transformacións e sen perder a súa esencia.

As súas dimensións son variables segundo os tipos: desde os 4,70 m. das pequenas dornas pulpeiras ata os 7 m. das dornas xeiteiras. Temos, ademais, as mallas. As medidas das dornas exprésanse habitualmente en cuartas de quilla (21 cm.). Tamén varían segundo o lugar de construción.

As boas condicións mariñeiras que lle dan á dorna a quilla e o seu amplo temón fana moi adecuada para navegar a vela, converténdose nos últimos tempos nunha embarcación moi apreciada para a navegación de recreo.

Vexa máis artigos relacionados co racu no blog.

bot_racu19.jpg

Unha traiñeira

A traiñeira é unha embarcación de orixe cantábrico que se estendeu por toda Galicia, a partir de 1896, chegando a ser común; dedicada á pesca da sardiña coa arte de cerco de xareta.

Ten unha sección en “Ou”, cun longo uniforme de proa a popa e a roda e o codaste curvados cara atrás. Están aparelladas para a vela pero o común era que navegasen a remo, para o que levaban de 8 a 10 remos por banda.

Teñen de 9 a 12 m. de eslora e ao redor de 2,40 m. de manga Teñen ademáis máis puntal na proa que na popa (1,10 a 1,90 m.). Levan unha pequena cuberta a proa e outra a popa, carecen de corredores e levan bancos para bogar.

Hoxe mantéñense, estilizadas para a práctica deportiva do remo. Este uso ten a súa orixe nas carreiras entre as diferentes traiñeiras, para chegar antes a vender e alcanzar mellor prezo, e nos desafíos entre tripulacións.

Esta embarcación foi cedida ao Museo Naval de Ferrol. Vexa máis artigos relacionados coa traiñeira no blog.

Unha buceta

A buceta foi a embarcación de pesca máis utilizada e representativa da costa galega, estendéndose a súa presenza desde a Costa da Morte á desembocadura do Miño. Desapareceu a mediados dos anos 60.

De tamaño mediano, tiña ao redor de 9 m. de eslora por 3 de manga a 0,9 de puntal. Era totalmente simétrica de proa a popa, sendo a primeira máis elevada e lanzada. A cuberta estendíase ata o centro da embarcación. Na proa había dous espazos pechados pola cuberta e separados entre si. O que está máis preto da popa recibía o nome de ’tilla’. Podíase desprazar a remo ou a vela, para o que tiña un pau de 9 m. e unha verga de 4,5. Todas estas características permitíanlle navegar con gran estabilidade e levar a vela sen necesidade de lastre.

Na construción empregábase madeira de carballo e de piñeiro. Utilizábase para pescar sardiña coa arte do modo que é quen lle deixa o nome.

Vexa máis artigos relacionados coa buceta no blog.

Seis faluchos

Os faluchos que actualmente posúe a Asociación, son pequenas embarcacións de chapa de 2 metros de eslora, 2,75 m. de manga, 0,30 m. de puntal e un peso de 22 kg.

Os mariñeiros de Bouzas, antigamente, realizaban estas embarcacións coas chapas dos bidóns xa nos anos 20 do século pasado (século XX), aínda que é moi posible que as primeiras fosen anteriores a esta época.

Que os nenos chamasen antigamente “faluchos” a estas embarcacións debíase a que os seus pais e avós faenaban nunhas embarcacións que tiñan o mesmo nome e que se utilizaron ata finais do século XIX principios do XX en determinados portos galegos, entre os que se atopaba o de Bouzas. Estas embarcacións eran orixinarias do mediterráneo e caracterizábanse por dous trazos: levar a vela triangular coñecida como latina e o mastro caído cara a proa (nos barcos tradicionais de pesca de Galicia o mastro caía a popa) Tanto no escudo constitucional da Alcaldía de Bouzas como na actual iluminación das festas desta Vila podemos ver debuxados estes faluchos.

As primeiras referencias orais que atopamos sobre as regatas dos faluchos de xogo son dos anos 20, sabemos que se realizaban o martes das festas e estaba patrocinada polos armadores e patróns de pesca que chegaban a pagar 200 pesetas (aproximadamente 1,2 ¤) aos vencedores de cada unha das tres modalidades: bogando normal, bogando cos ollos vendados, bogando cun remo por popa (xiringar).

Estas probas realizáronse ata os anos 50, a partir de entón e sen que se saiba o porqué cesaron. No ano 91 a Comisión de Festas de Bouzas decidiu recuperar esta tradición e a Asociación de Mariñeiros de Bouzas é quen se encarga na actualidade de construír replicas dos mesmos e de organizar as diversas regatas, mantendo viva deste xeito esta singular tradición tan particular desta vila mariñeira.

Vexa máis artigos relacionados cos faluchos no blog.