Pantalán

Tras unha longa singradura polas administracións, o 7 de Xuño de 2008 inauguramos o primeiro pantalán de España que vai ser adicado única e exclusivamente ao amarre de embarcacións tradicionais.

Trátase dun museo con vida propia posto que neses barcos saímos a navegar cada mércores e asistimos con eles ás xa numerosas concentracións de barcos tradicionais que hai en Galicia.

Este pantalán froito do esforzo da Asociación de Mariñeiros de Bouzas enmárcase dentro dunha serie de accións que teñen o obxectivo de conservar e recuperar o noso importante Patrimonio Marítimo, tan defenestrado durante anos e que só agora, grazas o traballo conxunto de moita xente comeza a ver un punto de luz no horizonte.

Así, este pantalán, un verdadeiro museo flotante permite conservar algunhas das tipoloxías de embarcacións que están a piques de desaparecer. Nel poderemos gozar dos barcos que agora chamamos tradicionais, pero nos que, non fai tanto tempo os nosos avós saían a faenar, barcos con cheiro a brea e aceite de linaza, barcos a vela e a remos, barcos de madeira e liño, os nosos barcos.

Nace ademais cun afán educativo, diante de cada barco instalamos un panel coa unha ficha técnica, onde consta tipoloxía, nome, folio, ano de construción, carpintería de ribeira onde se constrúo, tipo de vela, unha foto antiga e outra actual e unha didáctica historia de cada barco.

O seguinte paso será estender a cantidade de barcos que amarren neste pantalán para que estean representadas todas as tipoloxías de barcos de Galicia; aínda que podemos dicir que nestes momentos xa temos moitas delas. Desde as emblemáticas dornas da Ría de Arousa ás sinxelas gamelas guardesas (quizais a embarcación máis antiga de Galicia), pasando por botes da Ría de Vigo, botes de Ribadeo, botes polbeiros de Bueu, gamelas coruxeiras, bucetas da Ría de Muros e Noia, Racús, un Carocho do Minho (chamado bote anguleiro na beira española) e naturalmente unha representación moi digna dos mundialmente coñecidos Faluchos de Bouzas.


Esta web utiliza cookies propias para su correcto funcionamiento. Al hacer clic en el botón Aceptar, acepta el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Más información
Privacidad