Actividades

Ao longo do ano a Asociación participa ou organiza numerosas actividades. Para estar ao día destas actividades visite con regularidade a nosa sección de novas.

Cabe destacar entre as accións que se realizan de maneira regular as seguintes:

Unha acción colectiva para retirar residuos do fondo do mar e avanzar cara a uns mares máis limpos.

LIMPEZA DOS FONDOS MARIÑOS

1.

No Día do Medioambiente, co patrocinio de Abanca e dentro do programa Plancton ( Plan de Conservación Territorial), a Asociación de Mariñeiros Artesanáis e Deportivos de Bouzas, en colaboración coa Confradía de Pescadores de Vigo e o Liceo Marítimo de Bouzas, leva a cabo a recollida de lixo nos fondos de Bouzas.

Estas campañas de recollida de residuos buscan profundar no coñecemento dos residuos abandonados que se atopan nas contornas da costa, praias e fondos mariños. Asimesmo, esta actividade tamén busca incrementar a obtención de datos e compartilos con institucións académicas e organismos gubernamentais, contribuíndo ao desenvolvemento dun movemento social que avogue por mares libres de residuos.

A través do proxecto PLANCTON, se promoven na sociedade formas de actuar responsables que permitan manter os recursos actuais sen chegar a poñelos en risco para as xeracións futuras. Todo iso acorde ao compromiso da Asociación de Mariñeiros e demais entidades cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, especialmente cos ODS13 Acción polo clima, ODS14 Vida submarina e ODS17 Alianzas para lograr obxectivos, nunha actuación como esta, que consegue implicar a máis de dez entidades diferentes na procura dun ben común.

Colaboración con proxectos universitarios internacionais centrados na sustentabilidade e no cambio climático.

COLABORACION COA UNIVERSIDADE

2.

Sendo sabedores de que a Universidade é un actor de grande importancia na sociedade actual e unha ferramenta necesaria para acadar solucións ante os desafios do futuro, na Asociación de Mariñeiros de Bouzas estamos sempre abertos e dispostos a colaborar coa Universidade de Vigo.

No mes de Outubro de 2022 celebrouse na cidade olívica unha reunión internacional para o lanzamento do proxecto HEI4Future. Trátase dun proxecto europeo de innovación tecnolóxica organizado pola Universidade de Vigo, que pretende desenrolar un conxunto de actividades para reforzar a docencia no ámbito das competencias emerxentes asociadas á sostenibilidade e á mitigacion do cambio climático.

A Universidade de Vigo lidera o proxecto, financiado con 1,2 millóns de euros polo Instituto Europeo de Innovación e Tecnoloxía (EIT), e conta coa participación de institucións de Dinamarca, Italia, Albania, República Checa, Portugal e Ucrania. Á cabeza do proxecto está o profesor da Facultade de Comercio Pablo Cabanelas.

 Coma peche final das dúas intensas xornadas de traballo, os socios do proxecto fixeron unha actividade de carácter lúdico co obxectivo de fomentar o espíritu de equipo.

Para isto contaron coa colaboración da Asociación de Mariñeiros Artesanais e Deportivos San Miguel de Bouzas, grazas á cal puideron realizar unha singladura a través da Ría de Vigo con distintas embarcacións tradicionais, dando a coñecer aos participantes a nosa Ria e os nosos barcos.

Colexio Alborada: Canteira de Científicos

COLABORACION CO COLEXIO ALBORADA

3.

O Colexio Plurilingüe Alborada destaca polo fomento da investigación científica e a grande cantidade de premios conseguidos  en certames como Galiciencia, Exporecerca Jove, Es de libro e Zientzia Azoka. Tamén creou en 2008 a súa propia feira, a Alborciencia, e organiza xunto ao Institut El Cairat (Barcelona) o Foro Intercomunitario de Investigación Juvenil. Ademáis, o clube científico do colexio, AXICA (Asociación de Xoves Investigadores do Colexio Alborada), forma parte do Glu-on, un grupo que reúne a ex-alumnos de diferentes centros galegos que axudan aos mozos cos seus traballos.

O profesor de ciencias, Alberto García, considera que a preparación dos alumnos no campo da investigación é fundamental. É o profesor responsable de todas as iniciativas científicas e conseguiu contaxiar a súa paixón pola ciencia. Son moitos os proxectos que os alumnos do Colexio Alborada adican á Ria de Vigo, orientados ao descubrimento de novas especies, ao funcionamento dos ecosistemas e á divulgación destes traballos de investigación.

Desde hai máis de dez anos, a Asociación de Mariñeiros de Bouzas bota unha man, poñendo á súa disposición as nosas instalacións, as nosas ferramentas coas que fabrican os dispositivos, captadores, mini-bateas e outros aparellos necesarios para desenvolver os proxectos. Os nosos barcos e os patróns colaboradores desplazan a mozos investigadores polas augas da Ría para levar adiante os traballos de investigación.

A Asociación de Mariñeiros de Bouzas organiza un concurso infantil de pesca sen morte para fomentar o respecto polo mar e a pesca responsable.

CONCURSO DE PESCA INFANTIL

4.

Desde hai anos a Asociación de Mariñeiros de Bouzas ven celebrando un concurso de pesca infantil SEN MORTE . A finalidade desta actividade, máis que coma concurso, está orientada a ensinar aos máis pequenos o respecto ao medio ambiente mariño e á vida animal, deixando en segundo plano o número de capturas que se poidan acadar.

Búscase concenciar aos máis xóvenes co obxectivo, de que no futuro, sexan os que nos releven na defensa da Pesca Responsable. Non hai que esquecer que, desde hai moitísimos anos, é o posto de traballo de milleiros de galegos e non sabemos se no futuro vai seguir sendo rendible.

Esta actividade está dirixida a rapaces de entre 6 e 12 anos e a modalidade e a de pesca de corcheo sen morte.

Saídas de navegación en embarcacións tradicionais pola ría de Vigo para divulgar o patrimonio marítimo.

NAVEGACIÓN EN EMBARCACIÓNS TRADICIONAIS

5.

Durante os meses de maio a outubro, desde a Asociación de Mariñeiros de Bouzas organízanse saídas a navegar en embarcacións tradicionais. Todos os mércores pola tarde as nosas embarcacións percorren a Ría de Vigo. A actividade está aberta tanto a socios como ao público en xeral. Un dos obxectivos destas navegacións e dar a coñecer o noso rico e variado Patrimonio Marítimo.

As embarcacións tradicionais utilizadas para a navegación en vela tradicional pola ría son:

  • O galeón Coruxo
  • A traiñeira Vigo Cinco
  • A dorna xeiteira A Falucheira
  • O bote polbeiro Praia do Vao
  • O racú A Oleira
  • A dorna cordeleira A Madorniña
  • A buceta A Fanequeira
  • A gamela coruxeira A Marola
  • O carucho O Anguleiro

Esta actividade que se celebra todas as semanas, sempre que as condicións meteorolóxicas o permitan, cumple á perfección cos obxectivos da nosa Asociación, da a coñecer o noso rico e variado Patrimonio Marítimo, sumerxe aos participantes na cultura mariñeira, e fomenta a importancia do cuidado e protección debidos á nosa Ría para que ésta manteña a súa esplendida beleza.

Saídas de navegación en embarcacións tradicionais pola ría de Vigo para divulgar o patrimonio marítimo.

CONCURSO DE PESCA DENDE EMBARCACIÓN

6.

O Concurso de Pesca dende Embarcación en Modalidade Libre vense celebrando na Asociación dende o ano 1.998, todo un clásico. Coas capturas que entregan os participantes sempre se organiza unha fritada mariñeira a degustar polos pescadores con posterioridade á entrega de premios, convertindo o concurso nun acto de fraternidade e socialización entre socios, colaboradores e participantes.

A asociación colabora con colexios e eventos educativos para achegar aos estudantes á cultura marítima e á protección da ría de Vigo.

COLABORACION CON DIFERENTES COLEXIOS E ACTIVIDADES CON ESTUDANTES

7.

A asociación colabora de continuo con colexios da área de Vigo, profesores e alumnos acércanse ás nosas instalacións para coñecer a cultura marítima galega e as embarcacións tradicionais. Participa tamén a Asociación en actividades e Festivais que de cando en vez se celebran na nosa contorna , como por exemplo o Festival Azul, organizado pola Asociación Clúster Náutico Rias Baixas; o festival buscaba promover a cultura e a tradición marítima da rexión, así como concienzar sobre a necesidade de protexer o entorno natural da Ría de Vigo.

O Festival tivo un enfoque especial na participación de xóvenes e estudantes, con actividades especialmente deseñadas para centros educativos. Fomentar a sensibilidade dos máis xóvenes é clave para asegurar a protección do noso entorno mariño no futuro.

A Asociación de Mariñeiros Artesanáis e Deportivos San Miguel de Bouzas foi un dos colaboradores nesta iniciativa, acercando os estudantes de diferentes centros educativos de Vigo ao mar.

Socios e voluntarios realizan o mantemento e reparación das embarcacións tradicionais para preparar a tempada de navegación.

MANTEMENTO E REPARACIÓN DAS EMBARCACIÓNS TRADICIONAIS

8.

Nos primeiros meses do ano levanse a cabo as tarefas de mantemento e reparación das embarcacións tradicionais :

  • As embarcacións a preparar para o inicio da tempada de navegación son: a Traiñeira “Vigo Cinco”, o Bote Polbeiro de Bueu “Praia do Vao”, a Gamela de Coruxo “Praia da Fontaiña”, o Galeón “Coruxo” e a Dorna de Tope “Illa de Toralla”.
  • Os traballos de reparación e mantemento consisten no lixado total das embarcacións para realizar o recravado e cambio das madeiras deterioradas e no tratamento das madeiras (interior e exterior) con distintas imprimacións, vernices e patentes.

A maior parte dos traballos de mantemento das embarcacións tradicionais son levados a cabo polos socios e voluntarios colaboradores coa Asociación.

Nas épocas de chuvias , o voluntariado de Mariñeiros de Bouzas tamén realiza diariamente o achique das embarcacións tradicionais, tendo establecido un cadrante coas quendas.

E nos periodos máis calurosos as embarcacións do pantalán de tradicionais son baldeadas diariamente con auga salgada. A auga salgada conserva a madeira, mentras que a auga doce a podrece. O pantalán de tradicionais conta con bombas de aspiración de auga de mar para realizar o baldeo.

A asociación participa en regatas e encontros de embarcacións tradicionais para divulgar e preservar o patrimonio marítimo.

PARTICIPACIÓN EN REGATAS E ENCONTROS DE EMBARCACIÓNS TRADICIONAIS

9.

Conmemoración da Batalla de Rande

Durante o mes de outubro celébrase a Conmemoración da Batalla de Rande, veciños e visitantes reviven a histórica batalla que tivo lugar en 1.702 nas augas da Ría de Vigo, en concreto, no estreito de Rande e na ensenada de San Simón. A Asociación de Mariñeiros de Bouzas participa todos os anos evocando as naves que coincidiron na histórica batalla, recreando os movementos das tropas enemigas.

Festa da Reconquista de Vigo

A cidade de Vigo celebra cada ano a Festa da Reconquista . Esta celebración histórica que traslada a todos os vigueses a pricipios do século XIX, conmemora a expulsión das tropas napoleónicas en 1.809. O domingo 30 de marzo tivo lugar a escenificación por mar das tropas francesas, e os barcos da Asociación acudiron á Estación Marítima para despedir os franceses derrotadas.

XX Xuntanza de Embarcacións Tradicionais de Moaña

A Asociación Sueste organizou a vigésima edición da Xuntanza de Embarcacións Tradicionais de Moaña. As embarcacións se concentraron no porto de A Mosqueira e saliron a navegar pola ría. Especial relevancia acadou este ano a carpintería de ribeira, vinculada á construcción e reparación das embarcacións tradicionais e parte importante do noso patrimonio marítimo.

A Recalada: Encontro do mar en Arcade

A segunda edición da Recalada, evento creado polo Concello de Soutomaior para realzar a conexión de Arcade co mar, celebrouse na zona do peirao de Arcade. O amplo programa incluía unha exhibición de navegación tradicional a vela na contorna das Illas Alvedosas, o mesmo que a posibilidade de afondar na tipoloxía das embarcacións tradicionais mediante as visitas guiadas realizadas en terra.

Encontro de Embarcacións Tradicionais en Combarro

O Encontro de embarcacións tradicionales celebrado o último sábado de agosto en Combarro e organizado polo Clube Mariño A Reiboa, contou con cerca de cuarenta participantes chegados de toda a provincia. O día estivo repleto de regatas: a Regata de Remo, Regata da Pamplina e a Proba puntuable da Copa Mörling.

XVII Encontro de Embarcacións Tradicionais de Ribeira

Ribeira acolleu a gran reunión dos barcos tradicionais neste 2025. Un cento de embarcacións de Galicia, así como, doutras zonas xeográficas , citáronse na festa que cada dous anos amosa a riqueza do noso patrimonio marítimo e fluvial. Unha moi boa oportunidade de contemplar unha numerosa representación das diferentes tipoloxías de embarcacións tradicionais galegas.

Patrimonio, cultura e deporte nunha asociación que garda os segredos da carpintería de ribeira.

Dende a Praia do Adro, traballamos cada día para que as nosas dornas, faluchos e racús sigan suca-las ondas.