Concerto de Corais da Canción Mariñeira de 2011

O sábado 26 de novembro de 2011 as 20,00 horas celebraremos o noso XIII Concerto de Corais da Canción Mariñeira, este concerto, o igual que a maioría das actividades que organiza nosa asociación son abertas o publico en xeral, polo que estades todos invitados.

O certame celebrarémolo no IES-AUDIOVISUAIS de Bouzas, situado a dereita do Liceo Marítimo de Bouzas. Podedes decargar o programa para ver as corais que participaran, e o repertorio.

Navegar en mercores, a iniciativa mellor valorada

A invitación aberta a navegar en barcos tradicionais, lanzada dende a Asociación de Mariñeiros de Bouzas, consolidouse este ano como o programa público mellor valorado de iniciación á cultura do mar.

Trátase dunha iniciativa aberta que invita a coñecer e experimentar o tesouro vivo dos barcos de traballo dos galegos. A tripulación é admitida sen outra esixencia ou condición que o seu propio interese pola cultura tradicional do mar. Cativo requisito para acceder ao mundo das dornas e aprender o comportamento único dos barcos banceados á escarva, e a boga con remo cruzado.

O experimentar, navegar coa vela ao terzo para arrimarse ao fil do vento tanto ou máis ca cos aparellos modernos; ou para apreciar a complexidade de panos entenados, ou de velas de cangrexa; para sentir a xenial adaptación do aparello de gran penol da Buceta, con martelo aferrado no puño de amura, ou certificar a arte da Gamela para a boga e vela, co seu medieval fondo plano. As opcións extendéronse de a pouco para a veloz Traiñeira de velas encascadas ou o bote de Ribadeo que lle planta desafío á vela latino-galega da Portela.

Dependendo da dispoñibilidade dos patróns e da afluencia de dotación, fixa ou eventual, saíron semanalmente dende un mínimo de tres embarcacións até oito no mesmo día.
Dúas medidas certifican a estas alturas o grande éxito da iniciación ao mar promovida dende os Mariñeiros de Bouzas: a afluencia crecente do voluntariado e a ampla atención que os medios de comunicación prestaron ás saídas semanais.
As persoas reunidas nos mércores ás 5 da tarde á porta da Asociación de Mariñeiros, dobraron en número cada ano e son de procedencia a cada cal máis variada: Barcelona, Madrid, Málaga, Granada, Irlanda, Estonia e Letonia, Inglaterra (entre eles, un navegante profesor de Filosofía da Universidade de Essex), Bretóns interesados polo tesouro dos barcos galegos, despois de sucesivos desembarcos nosos en Brest; outros viron de Italia, Arxentina, Perú, Colombia, e naturalmente moitisimos Galegos.

Os medios de comunicación resaltaron a excelente resposta popular á convocatoria e gabaron a aparente facilidade coa que persoas de diferente idade e procedencia estreábanse na navegación a vela. Tamén repararon no feito de ser unha iniciativa verdadeiramente aberta, sen contrapartida económica (tanto dos usuarios como das Administración que nada achegan a esta empresa de interese público) así como a disposición da Asociación de Mariñeiros por iniciar na navegación tradicional ao alumnado de institucións de axuda como Alborada e Arela. As saídas dos mércores foron noticia en medios impresos, Radio e TV.

As dornas nai

Son moitas as veces que se ten falado das Dornas Nai, grazas a Xaime de Lajareu, podemos ollar nesta foto unha Dorna Nai que pertenceu  ao seu sogro.  As Dornas Nai representan unha interesante liña de continuidade da construción de barcos clásicos de baixura: conservando a graza mariñeira na manobra e a arte inimitábel de capear o vento da Dorna, incorporaban enxarcias fixas, velas auto-virantes e cabinados.

Os vellos mariñeiros mirábanas con sentimentos encontrados, chamábanas, con algo de rexouba, Dornas Señoritas. Na imaxe aparece unha daquelas Dornas Nai, nas que algunhas persoas das que gustaban disfrutar do mar buscaron o extraordinario navegar das dornas, e polos anos 50 reconverteron as xeiteiras en barcos de recreo. As Dornas Nai,  aparelladas con foque e cangrexa participaron en moitas regatas.
No blog de Arlillo, http://elblogdearlillo.blogspot.com/ podedes encontrar bastante información e máis fotografías.

Staffan Mörling, o sueco de Beluso

 

Así é como Francisco Fernández Rei gusta de chamar ó antropólogo Staffan Mörling, o que despois de percorrer toda a costa Galega  entre os anos 1964 e 1967 para recoller información, fotografar e facer planos dos barcos dos galegos, en 1989 publicou “As embarcacións tradicionais de Galicia“, obra que dignificou os barcos dos pobres e que foi fundamental para o desenrolo do movemento de recuperación do patrimonio marítimo galego. Ademáis, Mörling sempre estibo disposto a botar unha man onde se lle solicitara.

Esta maña o Profesor de Historia e Cultura Naval visitou o pantalan de embarcacións tradicionais de Bouzas, onde foi recibido polo presidente da asociación e outros membros da mesma, e recordou perfectamente cando nunha das “Semanas do Mar” organizadas pola asociación impartiu unha conferencia. Xunto con el desprazouse a Bouzas  unha televisión de Cataluña que está en Galicia facendo un traballo sobre os barcos galegos, a cal entrevistouno e filmou no pantalan mostrándose moi interesada nesta iniciativa. Tamén recibimos as felicitación de  Mörling, o que para nos foi toda unha honra e agradecemos súa presenza ó sueco de Beluso.